De camiño a Ponferrada pasamos por unha morea de estruturas industriais pantasmas, totalmente libres de vida e afastadas de calquera tipo de civilización. Sitas no medio da nada estas grandes naves, excavacións, andamios, minas e barracóns valeiros permanecen sumidos nunha destrución lenta a causa do abandono e do esquecemento.
Do outro lado da estrada e acompañando estas estruturas había tamén varios bloques de vivendas pequenas. Da casa para a empresa e da empresa para a casa. Todas pequenas e igual de insalubres, supoño que xa daquela. Cando a empresa fechou ás súas portas todo acabou.
A natureza ficou morta e a xente a morrer de fame.
"Que acontece despois do peche dunha empresa? Moitas historias. Ás veces unha loita a longo prazo a través dos sindicatos de traballadores, demandas esixindo un tratamento xusto, demandas convertidas nunha rebelión silenciada que vai da man da destrución das ferramentas dos propios traballadores. Cada situación é diferente máis todas elas contan unha historia moi real:
A extinción gradual dun certo mundo industrial.
Un mundo de grandes empresas que xestiona rexións enteiras garantindo por un tempo limitado o sustento de innumerábeis poboacións.
E cando desaparecen fano en silencio.
Así e todo, estas historias van moito máis alá dos meros cambios económicos e laborais que se poidan observar facilmente. Estas historias revelan solidariedades e decepcións. Relacionan o papel central que a fábrica desempeñou por un tempo na vida do traballador coas súas horrendas consecuencias interminábeis. Son historias fillas da brutalidade dun mundo económico que anda a cabalo de malogradas negociacións, un mundo que non ofrece saída, servíndose enteiramente dos traballadores, arruinándolles a vida.
Cubrindo estes conflitos sociais unha e outra vez volvo a ver o mesmo resultado obreiro despois de cada crise.
Esta historia en concreto amosa un país de traballadores esquecidos e maltratados, cuxo único medio de defendérense é facerse ouvir destruíndo as ferramentas da súa subsistencia. Homes e mulleres esquecidos que durante esas loitas son quén de coñecérense a sí mesmos. Todo porque comparten o mesmo destino, actúan unidos para evitaren a roda incansable dos principios económicos."
Gilles Favier
Sem comentários:
Enviar um comentário